Friday 03 de May de 2024

Alternativa dos Veciños de Cambre critica ao Alcalde García Patiño e os seus socios de goberno por culpar a dúas habilitadas nacionais da mala xestión do seu goberno


O problema que o Alcalde pretende cargar ás máis altas funcionarias do Concello de Cambre vén de anos atrás, desde que, UXC e PSOE en contra do resto de partidos eliminaron a participación dos partidos da oposición das mesas de contratación co obxectivo de poder utilizar os contratos públicos como favores a empresas amigas. Tanto é así que Cambre ten unha gran cantidade de concursos desertos e contratacións erradas polos informes contrarios dos funcionarios que ven como as licitacións non son limpas.

Os problemas na Policía Local proveñen de colocar a un ex-afiliado de UXC “a dedo” como Xefe da Policía xa que antes da súa chegada e con moitos menos efectivos, sempre houbo servizo en Cambre. Con 15 policías de servizo en persoal cubríanse todas as quendas e hoxe en día con 22 non son capaces de facelo.

Os contratos que levan en contratación desde inicios da lexislatura anterior, non son culpa desta secretaria ou esta interventora, que levan 1 ano e 3 meses respectivamente. Desde AV preguntámonos por que non se lles dá voz ás habilitadas nacionais nos órganos municipais para, con luz e taquígrafos, saber de onde provén esta situación.

Non apoiaremos nunca desde AV o intervencionismo dunha empresa externa a un Concello como pretende o alcalde. Unha asesoría xurídica externa non ten capacidade nin competencia para
fiscalizar o labor de dúas habilitadas nacionais que unicamente se dedican a cumprir e facer cumprir a lei a un Alcalde que está afeito facer todo o que se lle antolla, acabando, por exemplo de contratar á Concelleira que perdeu nas eleccións como asesora de Patrimonio.

Consideramos que esta proposta ataca os pilares básicos dunha democracia. Este Alcalde quere invertir as regras do xogo. El quere fiscalizar a quen ten a obrigación de controlalo a el.

Só pedimos transparencia, cumprimento da legalidade e respecto institucional.